Son do Barco de Valdeorras e esta pequena aventura que é Morna empréndoa tamén dende a miña casa. Estudei Historia da arte e Arqueoloxía en Santiago de Compostela e dalgunha maneira isto levoume a interesarme moito pola ourivaría antiga e a artesanía.
Hai anos decidín tomar clases de xoiería e tamén aprender o oficio de forma autodidacta. Aos poucos funme facendo coas ferramentas necesarias para traballar a prata de forma tradicional, facendo probas para min mesma, usando a técnica de ensaio e erro.
Tiven a oportunidade de traballar unha pequena tempada nun taller de artesanía en Santiago, e iso animoume máis a seguir con isto e a facelo un pouquiño máis grande, ou polo menos, a compartir o meu traballo con máis xente para poder crear o que agora é Morna.
Morna aparece como un proxecto persoal, unha idea gardada nun caixón que volve saír para converterse en algo real.
Quería deseñar un estilo de xoiería que eu mesma poñería. Ademais buscaba que contase algo de min, do que me gusta e inspira. Aos poucos comeza a moldearse unha marca fresca e sinxela, de liñas limpas pero que á vez ten un aire divertido e desenfadado. Todo está inspirado na arte, deseño e arquitectura que tanto me apaixonan, podendo así dar renda solta ás miñas ideas e concepción da historia.
Morna é o máis respectuosa posible co medio ambiente, gústame ver reflectidos na marca os meus propios valores. Crear unha empresa ética e sostible, que busca apoio e colaboración local e usa materiais e ferramentas de empresas nacionais. Non emprego plásticos nos embalaxes nin no packaging corporativo, buscando alternativas ecolóxicas ou reempregables.
Xoiería feita a man con estilo persoal onde cada peza é única e elaborada dende cero. Doulle moita importancia ao proceso e traballo con entusiasmo e mimo dende o meu pequeno obradoiro no Barco de Valdeorras (Ourense).
Por iso gústame formar parte e poñer en valor a artesanía #abrazalaartesania , porque un produto que xera unha emoción debe ser un produto singular, con personalidade e feito só para ti. Para min unha xoia é moito máis que un complemento. É a peza que che fai sentir emoción, o obxecto que che fai brillar, é a guinda do pastel.
Desexando que che guste tanto levar as pezas de Morna como a min gústame facelas!
Sen pretensións, o que ves é o que hai. Este é o teu sitio!